Nova web do Festival do Río Castro

Temos nova web. Desde o 13 de xuño de 2019 deixamos de usar este blog e todo o contido do Festival do Río Castro trasládase a estoutra ligazón, que será o principal vehículo de comunicación sobre o evento.

O Festival do Río Castro celebrará as súas 25 edicións cunha programación chea de sorpresas


Montse Rivera acompañounos na xornada de presentación do festival


O próximo 7 de xullo, celebramos un "Río Castro" un tanto especial. Fanse 25 festivais ininterrompidos desde aquel ano 1994 en que subiran ao escenario Eiravedra, Berce e Os Cempés. Para conmemorar este aniversario, armamos un festival que promete moitas sorpresas e que, en certa medida, lle rende homenaxe a aquela primeira vez en que a música tradicional se fixo dona do val do Castro. Mesmo o cartel, presentado o sábado 2 de xuño e obra do artista gráfico Juanlu Fernández, se inspira no primeiro deseño dos gaiteiros arredor do castelo que debuxara Xaquín Marín. Recuperamos parte daquel programa convidando a Picompé para animar a tardiña e a Berce para a noite, cando tamén actuarán a Rapazada do Saíme e as escolas de gaita e acordeón que se imparten en Naraío, os regueifeiros Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, Os Carunchos e Os tres Trebóns. 

Todo este programa démolo a coñecer na xornada de presentación, á que convidamos a Montse Rivera presentando o espectáculo "Cóntoche un traxe". Nel, a compoñente de grupos como Leilía ou Pesdelán propuxo unha viaxe moi participativa polas vestimentas tradicionais galegas e tamén polas coplas, poesías e cantares asociados a elas.

O público asistiu a unha presentación de imaxes de distintas prendas do século XIX e do seu proceso de confección. Incluso se puideron tocar os tecidos e, ademais, catro persoas voluntarias -dúas adultas e máis un neno e unha nena- remataron a tarde coa mesma roupa que usaban as nosas tataravoas e tataravós.

 Ao remate de “Cóntoche un traxe”, sobre as 21.30h.,petiscamos  xamón escaldado e organizamos unha repichoca popular ben animada ata..., ata... ben, ata que cadaquén marchou para a súa casa.

Este ano contamos cun orzamento duns 15.000 € para levar adiante o festival das 25 edicións. Un importe que se sufraga en parte coas achegas da liña de subvencións anuais para entidades do Concello de San Sadurniño, co programa de subvencións para festivais promovido pola área de Cultura da Deputación da Coruña e cunha colaboración económica da Cooperativa de Meirás.

Hai que acordarse antes das cousas


Este ano decidimos botarlle coña ao vídeo promocional do festival. Tiramos pola idea de "marcar" para ir de merendada porque nos pareceu un bo fío condutor, como sinal de identidade de calquera festa campestre coma a nosa.

Quen vén pasar o día con nós adoita reservar sitio cun cordel ou con cinta días e mesmo semanas antes do festival. É algo que pasa tamén noutros sitios como A Fraga ou no Naseiro, aínda que a maior escala. 

Non parece moi crible que a alguén se lle pase parcelar o seu pequeno anaco de festival... pero pode ocorrer. E, nese caso, ¿que reacción tería? A iso é ao que lle damos resposta no vídeo, onde o Führer da película alemá "O afundimento" o toma moi, pero que moi a peito.

Agardamos que vos guste tanto como ás 3.000 e pico persoas que o viran tan só unhas horas despois de telo publicado. 

Falta un mes xusto...

No primeiro sábado de xuño -ou o último de maio, dependendo como cadre- temos desde hai anos unha cita obrigada: a presentación do cartel do Festival do Río Castro. O evento serve para desvelar quen actuará en cada edición e, ademais, tamén é en si mesmo unha pequena festa da cultura e da música. Este ano incluimos unha charla sobre a historia do festival da canción infantil Cantareliña, que se desenvolveu en San Sadurniño entre 1983 e 1990 impulsado polo crego Ramón Díaz Raña. Falaron daqueles anos Martín e Miguel Sanjurjo, colaboradores de Díaz xunto co resto de integrantes de Saraibas e outras persoas implicadas no movemento social da época. Pero houbo máis: un concerto de Sanjurjo&Dopico e os saborosos petiscos de xamón escaldado, que tamén son xa un clásico da presentación. 

Cantareliña naceu inspirada polo festival da canción infantil italiano Zecchino D’Oro. Díaz Raña porfiou en por en marcha en Galicia algo semellante, armando para iso un concurso protagonizado por nenos e nenas de 12 anos como máximo que participaban primeiro en cadanseu concerto provincial e, finalmente, acudían a unha gala final en San Sadurniño.

Á súa vez, coas cancións editábanse discos, casetes e libretos, sempre baixo o lema “mentres canten os meniños, Galicia será inmorrente”. En palabras da comunicadora multimedia María Yáñez -participante de pequena no festival-, Cantareliña “converteuse nun fito da cultura galega que abriu un camiño moi importante para a normalización ligüística, mesmo antes de que a TVG nacese ou a lingua galega penetrase na EXB”.

O Castelo de Narahío quixo renderlle tributo ao evento polo que supuxo de compromiso coa creación e, máis que nada, co idioma, nun tempo en que non existían tantas posibilidades materiais, económicas e de comunicación como hai hoxe. A este respecto, desde a asociación cremos que urxe tomar exemplo de Cantareliña e do seu legado como unha das posibles maneiras de frear a perda de falantes, sobre todo entre a poboación máis nova. Dous dos protagonistas daquela aventura, Martín Sanjurjo e o seu irmán Miguel, contaron varias curiosidades sobre o grande reto que supuxo organizar o festival durante oito edicións.

Sanjurjo&Dopico ofrecéronnos un pequeno concerto ás 21.30h., xusto despois de coñecer a programación e o deseño do cartel do XXIV Festival do Río Castro, que se celebrará no lugar da Bóla o sábado 1 de xullo. Na organización colaboran o Concello de San Sadurniño, a Cooperativa de Meirás e, previsiblemente, tamén a Deputación da Coruña, a quen a asociación lle ten solicitada axuda económica a través da liña de subvencións para festivais musicais.

Porén, antes da presentación e do concerto probamos de balde uns petiscos de xamón escaldado e botamos unha partida ao brilé, deporte tamén clásico en todas as presentacións do festival. Para o encontro fixemos dous equipos mixtos e equilibrados en xénero xa que a igualdade hai que construíla día a día, en todos os ámbitos e con pequenos xestos que lle dean exemplo ás nenas e nenos
.

Novo vídeo ao canto!!!

Acabamos de publicar en Facebook e Youtube o vídeo de resume do festival deste ano. É unha cousiña breve, pero cremos que condensa o ambiente familiar do Río Castro. Agardamos que vos guste.


Grazas a todos e todas e ata o ano que vén

Como adoita dicirse, pasou o día e pasou a romaría. Vai aló a edición nº 23 do noso/voso festival, que este ano volveu ser un éxito por varias razóns. Unha, por tanta xente que pasou polo lugar da bóla durante a tarde e durante os concertos da noite. Outra, porque tivemos un tempo fantástico. Outra máis, porque todo saiu á perfección -ou iso nos dixo algunha xente- e porque, en definitiva, despois de tanto tempo compartindo o primeiro sábado de xullo xa somos como unha grande familia.

A xente anda preguntando polas fotos do festival. Que ninguén desespere, estamos traballando nelas e subirémolas antes deste venres. Tamén estamos traballando nun minúsculo resume audiovisual da xornada -incluídos os concertos da noite- para que quede constancia do que foi esta edición e para termos imaxes de cara a promocionar a do ano que vén...

....Porque, de hoxe nun ano agardamos volver vernos na Bóla, ¿ou non?

Co patrocinio de:

Co patrocinio de: