
Á súa vez, coas cancións editábanse discos, casetes e libretos, sempre baixo o lema “mentres canten os meniños, Galicia será inmorrente”. En palabras da comunicadora multimedia María Yáñez -participante de pequena no festival-, Cantareliña “converteuse nun fito da cultura galega que abriu un camiño moi importante para a normalización ligüística, mesmo antes de que a TVG nacese ou a lingua galega penetrase na EXB”.
O Castelo de Narahío quixo renderlle tributo ao evento polo que supuxo de compromiso coa creación e, máis que nada, co idioma, nun tempo en que non existían tantas posibilidades materiais, económicas e de comunicación como hai hoxe. A este respecto, desde a asociación cremos que urxe tomar exemplo de Cantareliña e do seu legado como unha das posibles maneiras de frear a perda de falantes, sobre todo entre a poboación máis nova. Dous dos protagonistas daquela aventura, Martín Sanjurjo e o seu irmán Miguel, contaron varias curiosidades sobre o grande reto que supuxo organizar o festival durante oito edicións.
Sanjurjo&Dopico ofrecéronnos un pequeno concerto ás 21.30h., xusto despois de coñecer a programación e o deseño do cartel do XXIV Festival do Río Castro, que se celebrará no lugar da Bóla o sábado 1 de xullo. Na organización colaboran o Concello de San Sadurniño, a Cooperativa de Meirás e, previsiblemente, tamén a Deputación da Coruña, a quen a asociación lle ten solicitada axuda económica a través da liña de subvencións para festivais musicais.
Porén, antes da presentación e do concerto probamos de balde uns petiscos de xamón escaldado e botamos unha partida ao brilé, deporte tamén clásico en todas as presentacións do festival. Para o encontro fixemos dous equipos mixtos e equilibrados en xénero xa que a igualdade hai que construíla día a día, en todos os ámbitos e con pequenos xestos que lle dean exemplo ás nenas e nenos
.