Quen vén?

Sérralhe-aí!

Manolo Maseda e Roberto Grandal en plena jam-session no Bar Eladio
O festival repetirá, a grandes trazos, o esquema de anteriores edicións. As merendas empezarán a encher o entorno do Castro cara ao mediodía e, a iso das 14.00h. -e aí vén a primeira novidade do ano-  o grupo Sérralhe-aí!, ofrecerá unha pequena sesión vermú que, ademais, garda algunha que outra sorpresa polo medio.

A primeira hora  da tarde a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional encherá o campo da festa de enredos para a rapazada. O xogo da rá, tirafondas, o aro, zancos... e varios entretementos máis dos de toda a vida estarán dispoñibles para xente miúda e adulta coa finalidade de crear un espazo para a transmisión de coñecementos e saberes entre maiores e cativería en algo tan básico coma o xogo.

Picompé

Os Picompé animando o primeiro festival, en 1994
Tralos xogos, que estarán ciscados por todo o entorno, chegaralle a vez a Pepablo Patiño e a Xavi Picos, os Picompé, que seguen no allo do teatro de rúa e que repetirán aquela experiencia do ano 1994 entretendo hoxe, se cadra, aos fillos e fillas dos que aínda eran nenos por aquel entón.

No serán desenvolverase un dos momentos máis intensos da xornada co campionato de deportes rurais. A chave, o serrado con tronzador e o tiro á corda contan co atractivo dunha rivalidade entre merendadas que, habitualmente, se estira ata practicamente o comezo dos concertos nocturnos, previstos para as 22.00h.

Comezarán a noite as nenas e nenos da Rapazada do Saíme, grupo formado por compoñentes da escola de música tradicional do Concello, acompañado para a ocasión polos acordeóns do alumnado de Roberto Grandal e as gaitas da escola municipal dirixidas por Marcos García.

Escolas de música tradicional

Foto das agrupacións de gaita e pandeireta na clausura anual de curso
Ademais, na apertura da festa nocturna tamén contaremos coas Cantareiras do Saíme, que comezaron a súa andaina hai case dez anos tamén no seo das escolas municipais de música tradicional.

Teñen preparado un repertorio de pezas tradicionais galegas e portuguesas, todas elas moi bailables, coas que reivindicar o potencial musical de Naraío e do resto do concello.

Josinho da Teixeira e Lupe Blanco

 O Castelo convidou para despois a Lupe
Josinho da Teixeira e Lupe Blanco, regueifas 2.0
Blanco e Josinho da Teixeira
, figuras da regueifa actualizada e adaptada aos tempos que corren, e tamén referentes no ensino desta tradicional arte da improvisación entre colectivo escolar galego. A orixe da palabra "regueifa" seica vén dos pans doces que se repartían na sobremesa das vodas e, á súa vez, esta podería proceder do árabe. Trátase dunha repentización na que dúas persoas -Lupe e Josinho neste caso- manteñen unha controversia sobre calquera tema, compoñendo coplas sobre a marcha.

Agrupación folclórica e cultural Berce

Berce no 1º Festival do Río Castro, con Santiago Caneiro á dereita da imaxe
O terceiro grupo musical do Festival será o conformado polo colectivo folclórico e cultural Berce que, arredor da figura de Santiago Caneiro, impulsou nos anos 80 e 90 un intenso traballo de recuperación de cantares tradicionais, instrumentos e vestimentas por toda Galicia. Á entidade naronesa débeselle, entre outras, a gravación e difusión da afamada Muiñeira de Freixido, que mesmo formou parte da banda sonora do filme "A Illa do Tesouro" interpretada por Carlos Núñez xunto con The Chieftains. Berce foi a formación que abriu o primeiro Festival do Río Castro en 1994. E 24 festivais despois volven a Naraío para achegar unha escolma do patrimonio musical que axudaron a recuperar e preservar.

Os Carunchos

Os Carunchos nunha imaxe da súa páxina en Facebook
Pecharán a noite dúas potencias da música galega. Primeiro soará a pureza festeira e tradicional renovada polos Carunchos, todo un referente da nosa música no sur de Pontevedra e no resto do país. O grupo naceu coma o noso festival, en 1994, e desde aquela levan publicados seis discos onde combinan pezas do repertorio popular galego e portugués con outras de composición propia, coas que incluso musicaron a poesía de Rosalía Castro ou a de autores contemporáneos como Manolo Pipas. Sempre comprometidos con Galicia e co galego, Os Carunchos son Pablo, Berto, Juan, Isaac, e o omnipresente Luís "O Caruncho", habitual en todo festival que se prece, sexa fóra ou dentro do escenario.

Os Tres Trebóns

Os Tres Trebóns con Richi Casas ao saxo
O derradeiro estalo do XXV Festival do Río Castro será cousa d'Os Tres Trebóns. Tres veteranos do campo da festa -Xurxo Souto, Antón Díaz e Fran Amil, manteñen viva e vixente a esencia do bravú e dese estilo que eles denominan "rancheira-punk", rodeados en cada ocasión por outra xente de renome como Martiño Mato, Manu Paino, Olivier Cano ou a tropa de Jarbanzo Nejro e os Ulträqäns. Converterán o final do noso festival nunha treboada total. O que merece a conmemoración de 25 festivais.

Co patrocinio de:

Co patrocinio de: