O Festival do Río Castro celebrará as súas 25 edicións cunha programación chea de sorpresas


Montse Rivera acompañounos na xornada de presentación do festival


O próximo 7 de xullo, celebramos un "Río Castro" un tanto especial. Fanse 25 festivais ininterrompidos desde aquel ano 1994 en que subiran ao escenario Eiravedra, Berce e Os Cempés. Para conmemorar este aniversario, armamos un festival que promete moitas sorpresas e que, en certa medida, lle rende homenaxe a aquela primeira vez en que a música tradicional se fixo dona do val do Castro. Mesmo o cartel, presentado o sábado 2 de xuño e obra do artista gráfico Juanlu Fernández, se inspira no primeiro deseño dos gaiteiros arredor do castelo que debuxara Xaquín Marín. Recuperamos parte daquel programa convidando a Picompé para animar a tardiña e a Berce para a noite, cando tamén actuarán a Rapazada do Saíme e as escolas de gaita e acordeón que se imparten en Naraío, os regueifeiros Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, Os Carunchos e Os tres Trebóns. 

Todo este programa démolo a coñecer na xornada de presentación, á que convidamos a Montse Rivera presentando o espectáculo "Cóntoche un traxe". Nel, a compoñente de grupos como Leilía ou Pesdelán propuxo unha viaxe moi participativa polas vestimentas tradicionais galegas e tamén polas coplas, poesías e cantares asociados a elas.

O público asistiu a unha presentación de imaxes de distintas prendas do século XIX e do seu proceso de confección. Incluso se puideron tocar os tecidos e, ademais, catro persoas voluntarias -dúas adultas e máis un neno e unha nena- remataron a tarde coa mesma roupa que usaban as nosas tataravoas e tataravós.

 Ao remate de “Cóntoche un traxe”, sobre as 21.30h.,petiscamos  xamón escaldado e organizamos unha repichoca popular ben animada ata..., ata... ben, ata que cadaquén marchou para a súa casa.

Este ano contamos cun orzamento duns 15.000 € para levar adiante o festival das 25 edicións. Un importe que se sufraga en parte coas achegas da liña de subvencións anuais para entidades do Concello de San Sadurniño, co programa de subvencións para festivais promovido pola área de Cultura da Deputación da Coruña e cunha colaboración económica da Cooperativa de Meirás.

Co patrocinio de:

Co patrocinio de: